Chega aos cinemas ‘360 curvas’, filme sobre as loitas veciñais da Fonsagrada

O filme toma título das 360 curvas que marcan a distancia que separa A Fonsagrada de Lugo. Este camiño longo, difícil e descendente entre montañas reflicte o declive dun lugar que decidiu loitar pola súa supervivencia. A través, sobre todo, do episodio coñecido na montaña lucense como ‘As Movidas’, vivido nos anos noventa na localidade – unha serie de movilizacións sociais a raíz da perda de servizos do pobo, como a Oficina da Extensión Agraria ou o servizos forestais -, o filme ‘360 Curvas’ constrúe unha viaxe coral na que aquela loita colectiva funciona como fío condutor para falar do pasado e do presente da Fonsagrada e, ao tempo, dos desafíos do abandono do rural. As persoas protagonistas, familias e persoas que axudan a definir un pobo, reconstrúen unha historia apenas coñecida fóra deste territorio e abren un camiño de reflexión sobre o futuro das comunidades rurais. Un filme que liga paisaxe e conflito para reclamar que, nun lugar coma este, a loita non supón só enfrontarse á administración para non perder servizos públicos, senón tamén á distancia e ao despoboamento.

A película parte dunha idea orixinal de Adrián Méndez, Manuel Lucas e o director e directora Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández. Conta cun equipo encabezado na produción executiva por Xacio Baño e Tamara Canosa e na xefatura de produción, o tamén protagonista do filme, o fonsagradino Adrián Méndez. ‘360 curvas’ iniciou o seu percorrido coa estrea mundial no Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX) e continuou coa súa dobre estrea galega en Cineuropa, en Santiago de Compostela, no Cormorán Film Fest, na Coruña e coa preestrea oficial no salón de actos municipal da Fonsagrada, cunha resposta masiva da veciñanza, que encheu a sala nos dous pases programados. Agora chega aos cinemas.

A longametraxe terá a súa estrea oficial o 29 de xaneiro na Filmoteca de Galicia (A Coruña), ás 20.30 h, tamén con presenza do equipo. O percorrido continuará cun pase en Numax (Santiago de Compostela) o 31 de xaneiro ás 18.45 h, e outro en cines Codex (Lugo) o 1 de febreiro ás 20.00 h, igualmente coa participación do equipo na presentación e no coloquio posterior.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego