21 días co galego e máis é un programa de dinamización lingüística que nace no IES da Pobra do Caramiñal no 2013 impulsado pola profesora Pilar Ponte. Desde o 2019 o proxecto está promovido pola Secretaría Xeral da Lingua e medra ano a ano na procura da normalizar o uso do idioma galego entre a rapazada dos centros de ensino do noso país.
No CEIP dos Tilos, no concello de Teo, nenos e nenas viviron a experiencia este ano de participar no programa baixo o lema Unha escola de película. As cámaras de Nós Televisión estiveron neste centro de ensino para falar co alumnado e profesorado e facer esta reportaxe para a que tamén entrevistamos ao secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Calcúlase que 21 días é o tempo mínimo necesario para comezar a crear un hábito nunha persoa. A través desta iniciativa, o estudantado comprométese co seu profesorado a falar en galego as 24 horas do día durante ese tempo. O obxectivo é usar o galego dentro e fóra das aulas, en todos os ámbitos, implicando así a toda a comunidade educativa para recuperar falantes. Tamén se promove a reflexión sobre a relación que cada quen mantén coa lingua.
Máis de 70 centros educativos de toda Galicia e máis de 30.000 estudantes de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e FP levan participado xa no 21 días co galego e máis. Manter e espallar o noso idioma entre a infancia e a mocidade galegas é clave para que poida asentar en toda a sociedade o hábito de empregar a nosa lingua. Se cantamos en galego, se lemos en galego, se vivimos en galego con normalidade, sen vergoña, sen medo, a forza da nosa voz será imparable.
Unha reportaxe audiovisual producida e realizada por Nós Televisión, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.



