Entre o 17 e 18 de novembro de 1918 celebrouse en Lugo a I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala na que o galeguismo político deixa atrás o rexionalismo e avanza cara ao nacionalismo. Desa Asemblea, onde estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturais, e mandaron a súa adhesión cinco federacións agrarias, once concellos, máis de 49 asociacións e numerosas personalidades de Galicia, saíu un manifesto con proclamas pioneiras como a igualdade de dereitos para as mulleres ou a definición de Galiza como nación. Hoxe, 105 anos despois, lembramos na serie Irmás na Fala esta asemblea histórica desde a perspectiva das mulleres das Irmandades da Fala que acababan de constituír a súa sección feminina dentro da organización.