100 anos do Seminario de Estudos Galegos

En 1923 fúndase o Seminario de Estudos Galegos co impulso dunha parte do estudantado da Universidade de Compostela, como Fermín Bouza-Frey ou Xosé Filgueira Valverde, que contaban coa colaboración de profesores como Armando Cotarelo, e ao que se sumaron intelectuais do galeguismo e profesionais, como Isidro Parga Pondal que encabezará a sección de Xeoquímica.

Con máis de 200 socios e socias activas e arredor de 400 persoas que actuaban de protectoras, o obxecto de estudo do SEG foi Galiza no seu conxunto. A metodoloxía céntrase na investigación de campo, nas denominadas xeiras, e a publicación. ‘Terra de Melide’ é froito deste enfoque integral e multidisciplinar. O golpe de 1936 marca diferentes destinos para quen integra o SEG que, finalmente, é disolto en 1941.

Unha produción de Nós Televisión para conmemorar o SEG

Con motivo do centenario da súa fundación, Nós Televisión produce este documental sobre a institución que foi clave para o noso país. No audiovisual percórrese a historia do Seminario a través do seu legado e das persoas que nos poden contar del. Todo, coa colaboración especial da USC e co apoio do Museo de Pontevedra, Concello de Santiago, Concello de Ames e Xunta de Galicia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego