Yoya Neira, concelleira de Igualdade na Coruña, apoia a tramitaciónda Lei trans

A socialista tamén solicita que a Xunta actualice a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia

A Coruña loce desde hoxe as cores do Orgullo baixo o lema “Deixémonos querer”. Ata o domingo a praza de María Pita lucirá as cores do movemento LGTBIQ+ que se verán reflectidas nuns círculos proxectados no chan, mentres que a fonte de Catro Camiños tamén se iluminará coas cores da súa bandeira que ondea xa na fachada da Domus.

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación presentará a próxima semana un programa de actividades con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTB que se conmemora o domingo en que as mulleres trans terán un papel protagonista. Tal e como sinala a concelleira Yoya Neira este ano as mulleres trans terán un papel fundamental no programa de actos, porque é a estas mulleres ás que a Federación Estatal de entidades LGTB lles dedica este Orgullo baixo o lema de “Sororidade e feminismo”.

Para a concelleira, dentro deste colectivo, as mulleres trans sufriron unha dobre discriminación de xeito histórico por ser mulleres e por ser transexuais e “é a nosa obriga facelas visibles e devolverlles a dignidade que ata o de agora se lles negou”. Por iso, a concelleira de Igualdade, Yoya Neira, quere aproveitar esta conmemoración para apoiar a tramitación da Lei trans e pedir que a Xunta actualice a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego