A primeira edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, coa coordinación da CTNL, xa ten resolto os seus proxectos gañadores. O premio ao mellor proxecto estabilizado foi para o Modelo Burela (IES Perdouro), por ser un proxecto de planificación lingüística que aborda a acollida lingüística como estratexia de integración social e implica a sociedade e o ámbito educativo nun labor conxunto de promoción da diversidade cultural, nomeadamente no marco da lusofonía.
O Premio ao mellor proxecto novo recaeu en Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora (IES de Soutomaior), por ser un proxecto integrado no proxecto educativo do centro, desenvolvido durante todo o ano, dirixido a todo alumnado, transversal e implicando a todos os departamentos. Valorouse moi positivamente que a promoción da lingua se asocie con outros valores e causas sociais xustas, como a igualdade de xénero e a defensa da diversidade sexual, funcional e cultural.
Prémiase tamén a campaña Desafío 48 h (IES María Casares de Oleiros), porque, a partir dunha comunidade educativa concreta e nun tempo limitado, conseguiu captar a atención e o interese de moita xente. Isto traduciuse nunha ampla presenza nos medios de comunicación e favoreceu que outros centros educativos se interesasen por reproducir o modelo. Tamén se valorou a estratexia comunicativa da campaña dentro do centro educativo e a detalladísima explicación do proxecto.
O Premio ao proxecto máis innovador foi para o Proxecto Youtubeir@s (concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, Deputación Provincial da Coruña e universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma, xa que ten unha grande atracción na xente nova. Así mesmo, valorouse que este proxecto emprega linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube, alén de prestixiar o emprego desta rede social como ferramenta creativa.
Dentro do Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade, o xurado escolleu o proxecto Eu presumo de galego (IES de Melide), por ofrecer un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes, onde a reflexión sociolingüística e a promoción do galego entre a mocidade se insiren nun proxecto educativo transversal.
En canto ao Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial, recoñeceuse o portal dixital GCiencia (Ciencia Galega Industrias Creativas, S.L.), por crear un espazo de uso normalizado para o galego nun ámbito de especial relevancia e prestixio, a divulgación científica, o que contribúe a desmontar prexuízos sobre a utilidade da lingua e reforza o dereito a termos contidos de todo tipo no noso idioma.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega que terá lugar en Pontevedra o 21 de setembro.