A voceira de Galicia en Común e negociadora de Unidas Podemos, Yolanda Díaz, sitúa o diálogo como unha das principais ferramentas políticas á hora de reflexionar sobre a política estatal e galega. A deputada sentou co equipo de Nós Televisión na mañá do venres dentro dunha xornada de axenda apretada. “Se mo permitides, vou coller un café”, sinala.

- Publicidade -

Apenas unhas horas antes desta entrevista, Pedro Sánchez pechaba novamente a porta ás negociacións con Unidas Podemos facendo cada vez máis real a posibilidade da repetición electoral. Díaz considera que “o único que moveu a estratexia de Moncloa foi o paso a un lado de Pablo”, “non contaban con iso” e e lembra a “difícil” campaña electoral que realizaron en vistas a ese goberno de cooperación co PSOE.

“Somos conscientes de que temos que intentar mellorar a vida da xente”

“Temos unha gran responsabilidade”, sostén a deputada de Unidas Podemos preguntada sobre se volverían repetir os mesmos pasos ante esta pechazón do PSOE. Yolanda Díaz apela á “sensatez” xa que “somos conscientes de que temos que intentar mellorar a vida da xente”.

A voceira de Galicia en Común considera que o principal problema que existe na sociedade galega hoxe en día é “a precariedade que xa non é unha forma de traballo senón de vida”. Advirte de que, con elas no goberno, farían “arranxos que evitarían o calvario de milleiros de persoas” e coloca como exemplo o caso dos falsos autónomos. “Todos os sectores, algún sorprendente, están asistidos con esta figura perversa dos falsos autónomos. É sinxelo, cómpre un cambio normativo que diga que haberá presunción de laboralidade no caso de que unha empregada traballe de maneira central para un único cliente”, sostén Yolanda Díaz. “Son pequenas cousas, pero dignificarían a vida de moitas persoas”.

“Galicia está sempre aí”

A deputada tamén destaca a importancia de Galicia no seu labor político. “Meu país está sempre aí”, sinala e coloca o caso do Brexit e sobre como podería influír na pesca galega.

Yolanda Díaz continúa sen aclarar se será candidata á Xunta nas vindeiras eleccións galegas. O único que garante é a súa implicación para que “nos coloquemos no post-Feijóo. “Creo que é posible, centrémonos en facelo posible”.

Por último, Yolanda Díaz posicionouse claramente con respecto á cancelación das xornadas sobre traballo sexual que ían desenvolverse a semana que vén na Universidade da Coruña. Apela ao diálogo e ao entendemento entre as diferentes posturas dentro do movemento feminista aínda que recoñece que a súa postura é a da abolición da prostitución.

“Combato as experiencias regulacionistas que se teñen dado”

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego