O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral —ISSGA— presenta unha batería de propostas para garantir a seguridade das traballadoras e traballadores de Galicia no eido laboral. Os principais obxectivos deste plan de actuación son mellorar a coordinación entre as administracións, facilitar a xestión preventiva e incrementar a vixiancia e o control e ofrecer unha formación de calidade neste ámbito, tentando axeitarse ás “novas tendencias e desafíos” que se presentan. Así e todo, farase especial fincapé en protexer a maternidade a través de campañas informativas que lembren “as obrigas das empresas neste eido”.
Asemade, desenvolveranse cincuenta xornadas técnicas baseadas en temáticas como a volta ao traballo após unha baixa de longa duración por accidente ou enfermidade, co obxectivo de garantir os dereitos laborais das e dos afectados. Outra das cuestións que a Xunta tenta abordar con este programa de 74 actividades é identificar e sancionar a calquera empresa que empregue os minerais de amianto.
A campaña do ISSGA está orientada tanto a persoas desempregadas como en posesión dun posto de traballo ou, en especial, autónomas. Por outra banda, a Xunta impartirá diferentes cursos de prevención de accidentes laborais en centros de Educación Primaria, Secundaria e de Formación Profesional de toda Galicia, co obxectivo de “concienciar” aos máis cativos ao respecto.