Home Programas Espazo Aberto A Xunta oferta este ano 2050 prazas nas oposicións de Educación

A Xunta oferta este ano 2050 prazas nas oposicións de Educación

0
A Xunta oferta este ano 2050 prazas nas oposicións de Educación

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou este xoves unha rolda de prensa na que fixo énfase na importancia de garantir a conciliación laboral e familiar. O mandatario galego asegurou que esta é “unha das prioridades” do seu Goberno e, en consecuencia, incrementará en 520 as prazas para escolas infantís en sete concellos, garantindo deste xeito, segundo indicou Feijóo, que a lista de agarda sexa “cero”. Alén diso, anunciou a oferta de emprego público no ensino que a Xunta despregará neste ano 2018.

Queremos que Galicia sexa a comunidade máis estable de España en materia de Educación

Ofreceranse 2050 prazas nas oposicións de Educación distribuídas da seguinte forma: 1050 para Educación Secundaria, 705 para Primaria, 160 de Formación Profesional, 105 para catedráticos de música e artes escénicas e 30 para as diferentes delegacións da Escola Oficial de Idiomas. En consecuencia, o líder da Xunta asegura que o seu obxectivo é convertir a Galicia “na comunidade máis estable de España” no tocante ao ensino público.

Saneamento da ría de Arousa

Por outra banda, Núñez Feijóo tamén deu conta da aprobación dun “plan de saneamento” da ría de Arousa que consistirá en dúas actuacións nos concellos de Boiro e Rianxo respectivamente. No tocante ao primeiro, a Xunta responde á forte presión social anunciando a construción, no porto de Cabo de Cruz, de 139 prazas de amarre e unha “pantalla flotante” no pantalán para combater as ondadas. Asemade, instalaranse un colector e un tanque de tormentas na localidade rianxeira. En total, destinaranse arredor de 14 millóns de euros para abranguer as dúas actuacións.

Informe da RAG

Noutra orde de asuntos, Núñez Feijóo non amosou ningunha preocupación a raíz do informe publicado pola RAG que indica que a castelá e xa a lingua materna maioritaria no país. O presidente da Xunta salientou a “vitalidade” do bilingüismo expoñendo unha sucesión de datos contraria ao argumentario da Academia. Asemade, respaldou a proposta do Goberno central de impor o seu decreto de “escolarización en castelán” en Catalunya co gallo da vixencia do artigo 155.