Home Programas Espazo Aberto A Xunta abandona as principais feiras do libro

A Xunta abandona as principais feiras do libro

0
A Xunta abandona as principais feiras do libro

Galiza non estará presente nos principais eventos literarios do panorama mundial. Tal e como adiantou este mércores o xornal Sermos Galiza, a Xunta elimina catro subvencións por valor de 157.000 euros que permitirían á Consellaría de Cultura participar de xeito activo nas feiras do libro de Barcelona, Guadalaxara, Frankfurt e Bologna.

Conversamos con Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia

A única feira na que o país manterá a súa presenza será a de Bos Aires, un piar fundamental para a difusión da cultura galega. A Federación de Libreiros de Galicia critica esta decisión do goberno de Núñez Feijóo.

Un conflito que non é novo

Este conflito vén de lonxe. A Asociación Galega de Editores pedira á Xunta, a través dun comunicado, un maior protagonismo nas feiras do libro, ao tempo que desbotaba a “falsidade” da argumentación exposta polo goberno. Antón Pedreira confía en que prime a “vontade de diálogo” por riba dos intereses persoais e, deste xeito, as editoras e editores e a Xunta poidan acadar un acordo para manter a presenza de Galiza nestes catro eventos de prestixio internacional.

A Xunta xustifica a decisión

Pola súa banda, a Xunta de Galicia defende que esta decisión se debe a un “decrecente interese” dos axentes implicados nestes certames, unha cuestión que o sector literario galego nega con rotundidade.