O alcalde da Coruña asegura que o goberno municipal non ten “nada que ocultar” e que se actuou “con total transparencia” no proceso de cesión do antigo cárcere para actividades culturais. Así o indicou na mañá de hoxe Xulio Ferreiro, un día despois de coñecer a través da prensa local da cidade que a Fiscalía vén de abrir unha investigación sobre a cesión da antiga prisión ao Proxecto Cárcere.
O rexedor coruñés informou que aínda non teñen a denuncia da Fiscalía, que coñecen “pola prensa e non fonte oficial”. Polo que sabe o Ministerio Público “fai unha valoración da denuncia do PP”, mais sen ir máis ala. Xa que logo, desde o Goberno da Coruña xa sinalaron que coñecen o documento da Fiscalía a través dos medios de comunicación.
Claudia Delso: “Estou tranquila”
Ao mesmo tempo, na Coruña, a edil implicada, Claudia Delso, quixo amosar a súa tranquilidade ante este proceso e indicou que está “satisfeita co procedemento” que levaron adiante desde o seu departamento.
Malia as críticas do PP, a edil de Participación Cidadá descarta dimitir e resaltou que a súa responsabilidade está intacta.