Xulio Ferreiro destaca que xa se estaba buscando solución para os funcionarios nomeados en comisión de servizos

O alcalde coruñés quixo quitar ferro á sentenza que anula o nomeamento de case 160 funcionarios municipais: “Isto pasou porque non se seguiron historicamente os camiños normais”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro falou na mañá deste mércores da situación na que se ve metido o Concello despois da anulación por parte do xulgado Contencioso-administrativo número 2 da Coruña do nomeamento de 156 funcionarios da administración municipal.

O alcalde indica que desde que entraron en María Pita xa levaban tempo intentando normalizar a situación. “No medio dunha acción para poñer orde nunha cuestión que levaba moitos anos desordenada, aparece esta demanda. Os efectos que intenta conseguir a demanda desta forza sindical son os mesmos que queremos conseguir nós: poñer orde”, declarou Ferreiro en referencia á demanda da CIG.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

“O que non podes facer como administración é deixar descubertas as prazas dun día para outro. A cuestión é convocar o concurso de traslados. Son todos funcionarios da casa, ninguén entrou por unha vía diferente á normal neste concello e o que si é que están en prazas que non son as súas”, indicou o rexedor coruñés.

O Goberno da Marea Atlántica xa está buscando solucións. “O que hai que facer agora é ordenar isto e dar posibilidade de que a xente concurse e optar a unhas prazas que sexan as súas definitivas”, engadiu Xulio Ferreiro.

Ademais, o alcalde da Coruña aproveitou para quitar ferro ao asunto. “O fallo pode ser moi rechamante porque afecta a unha gran cantidade de funcionarios e funcionarias. Evidentemente, isto é porque non se seguiron historicamente os camiños normais de cubrir as prazas que é cada x tempo cubrir un concurso. E agora todo isto ten repercusións, hai que conducilo á normalidade e as cousas levan un tempo e nese tempo estamos. Ferreiro pediu tranquilidade porque di que “isto vaise reconducir e imos ter aquí a final de mandato unha situación normalizada ou en vías de normalizarse”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -