“Improdutiva en canto a resultados”. Así calificou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a reunión mantida onte en Madrid coa presidenta de Puertos del Estado, Ornella Chacón, na que tamén estivo presente o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela.
A “cordialidade” da reunión, segundo o rexedor, non foi seguida de ningún “avance substancial” en relación a garantir a garantir a a titularidade como os usos públicos dos peiraos interiores da cidade que se vaian desafectando.
Xulio Ferreiro advirte que “Puertos del Estado parece seguir ancorado en 2004, como se non houbese cambio de goberno”. O alcalde da Coruña foi contundente ao sinalar que volve “coa sensación de que o goberno de Pedro Sánchez non ten o porto da Coruña na súa axenda nin na súa cabeza. Ou ben a cidade da Coruña non está entre as súas prioridades, ou ben non é consciente do que supón a recuperación dos terreos portuarios para o noso futuro”.
“Non abonda con dicir que todo o que fixo o goberno de Rajoy estaba mal ou que o protocolo con Feijóo era papel mollado dende o primeiro día. Iso xa o sabiamos. O que demanda a cidade da Coruña son compromisos concretos”, explicitou Xulio Ferreiro, e engadiu que agarda que “isto cambie”.
Diferenzas entre o PSOE de Madrid e o galego
Xiao Varela, titular de Rexeneración Urbana, explicou logo da reunión que pensa que “no PSOE, ou non falan entre si, ou non se entenden. Cada interlocutor desautoriza ao anterior e en cada Parlamento votan unha cousa distinta”, apuntou. “Con todo, e lamentablemente, parece que en Madrid semellan telo máis claro, e están a apostar pola continuidade do escenario 2004 e a venda dos terreos portuarios”, sinalou.
Varela tamén foi moi directo ao sinalar que logo da reunión dá a impresión que “o que serve para Valencia semella non servir para o porto da Coruña. E mentres tanto, os convenios urbanísticos de 2004 seguen no mesmo sitio, o plan de empresa da Autoridade Portuaria segue a planificar a venda de terreos portuarios, a comisión de seguimento dos convenios segue sen convocarse, o ministro de Fomento evita A Coruña nas súas visitas a Galicia e da conexión ferroviaria a Punta Langosteira nada se sabe”.