Home Programas Espazo Aberto Xosé Manuel Pazos: “Hai que seguir coa inversión en Servizos Sociais en Cangas”

Xosé Manuel Pazos: “Hai que seguir coa inversión en Servizos Sociais en Cangas”

Xosé Manuel Pazos: “Hai que seguir coa inversión en Servizos Sociais en Cangas”
Xosé Manuel Pazos (IC)

Xosé Manuel Pazos (Coiro, Cangas, 1957) é o cabeza de cartel da Alternativa Canguesa de Esquerdas para optar á alcaldía deste municipio do Morrazo. Nesta entrevista de Nós Televisión afirma con sinceridade que é moi posible que o vindeiro goberno nese municipio teña que ser unha coalición… iso si, de esquerdas.

Catro anos de goberno e como alcalde. Fáganos un balance dos logros mais tamén das dificultades da lexislatura que rematou.

Houbo de todo como dis. Houbo logros e houbo dificultades. A dificultade máis grande foi a económica. Collimos o concello cunha débeda de máis de 14 millóns de euros. E dicir, máis do orzamento actual do propio concello. E nestes catro anos conseguimos reducila á metade mais, evidentemente, limitounos moitisimo á hora das inversións.

Dos logros creo que o máis importante foi o traballo que se fixo en humanización no centro da vila e ter conseguido un aparcamento gratuíto de máis de mil prazas nunha vila como Cangas con graves problemas de aparcamento en pleno centro da vila. Ademais fixemos actuacións nas parroquias que eran as grandes esquecidas do municipio no seu conxunto

Cales serán os eixos básicos de actuación de cara a vindeira lexislatura?

O centro de actuación ten que estar nas persoas. Se o logro da lexislatura foi avanzar nese campo hai que seguir coa inversión en Servizos Sociais, nas persoas con necesidade ten que ser máis grande do que foi aínda que foi considerable.

O centro de actuación ten que estar nas persoas

Temos que acometer, dentro das capacidades do concello o problema da vivenda. Temos solicitadas que as antigas vivendas de mestres que están desocupadas sexan desafectadas pola delegación para poder ser destinadas a vivendas de familias con dificultades económicas. Dialogar coas persoas, escoitalas, atender os seus problemas e evidentemente seguir dotando ao concello de servizos básicos para a cidadanía.

O Morrazo volve a estar chamado a ser unha peza clave para que o PP perda espazo no territorio mais agora entra en escena Cidadáns…

A xente de Cidadáns en Cangas é nova mais xa se lle ve os xeitos. Están facendo a campaña en castelán, son os únicos ademais, nin o PP o fai. Aquí tiñan un precedente nun concelleiro independente froito dunha escisión do PP e uns se enfrontan a outros. Creo, estou convencido de que Cangas non vai mudar de cor. No goberno pode haber a posibilidade de que haxa distintos alcaldes ou alcaldesas mais o PP co apoio de Cidadáns non estará no goberno municipal. Iso si, Cidadáns para min ten aínda peor pinta, non son dialogantes nin respectan os dereitos do noso país.

Vai ser difícil que haxa maiorías. Ve posible reeditar os pactos que se fixeron nesta pasada lexislatura?

Eu creo que é absolutamente imposible que haxa maiorías absolutas. A única maioría que houbo nos últimos anos foi a do PP. A esquerda sempre estivo fragmentada, polo menos en varios grupos incluído o PSOE se o consideramos de esquerda, e non vai quedar máis remedio que reeditar un pacto de goberno.

É absolutamente imposible que haxa maiorías absolutas

Tivemos un tripartito estes catro anos, entre ACE, AspUN e BNG que funcionou razonablemente ben, coas súas eivas e as súas dificultades mais que funcionou neste período. Eu creo que sería o ideal reeditar ese pacto outra vez.