“Non sei o que vai pasar”, recoñece Xosé Manuel Beiras ante as cámaras de Nós Televisión. O histórico líder nacionalista, fundador de Anova e impulsor de proxectos como Alternativa Galega de Esquerda (AGE), considera que Anova nestes momentos non dispón da capacidade suficiente para artellar o espazo rupturista en Galiza de cara as eleccións do 5 de abril. Pese isto, Xosé Manuel Beiras confíalle á Anova o poder de converterse nun motor de arranque que pule pola unidade popular. Nese camiño, sitúa a esperanza de construción política nos ombreiros das mareas municipalistas onde destacan nomes como o de Martiño Noriega ou Xulio Ferreiro.
“A resposta do BNG xa a sabemos, a resposta de Podemos vai ser a de agora é a nosa oportunidade para ocupar ese espazo e a de Esquerda Unida, tamén”, lamenta Beiras. “E as mareas municipais? imos ver. (…) Se tivesemos tempo de ir artellando ese espazo!”, sostén.
Paralelamente ao proceso electoral, Xosé Manuel Beiras diagnostica “un proceso de extinción” do que identificamos política e socialmente como “pobo galego“. Para evitalo, cómpre “un cambio brusco e forte da dinámica” segundo o nacionalista. Beiras apunta á “cidadanía que se activa para defender determinadas cousas que lle son moi próximas” como un suxeito “moi potente” de cambio se algún espazo ou grupo político consigue enfiar esa diversidade de loitas. “Pero quen o artella?”.
Este é un fragmento sacado da conversa que mantivemos con Xosé Manuel Beiras na súa casa. Proximamente traerémosvos toda a entrevista