O colectivo ‘Xornalistas Galegas’ impulsa un Observatorio para chamar a atención sobre a desigualdade no sector

A entidade presentarase este sábado 10 de novembro no Auditorio da Facultade de Comunicación da USC

A importante movilización feminista do pasado 8 de marzo continúa a dar froitos. Un dos colectivos máis activos ese día foi o das xornalistas. Daquela experiencia xurdiu en xullo un manifesto no que denunciaban que “como mulleres padecemos o machismo do mesmo xeito que todas as nosas iguais e como xornalistas estamos suxeitas a unhas condicións profesionais e laborais específicas que perpetuan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumible” e sinalaban tamén “a contradición de formar parte dunha poderosa maquinaria de creación de opinión, o chamado cuarto poder, que demasiadas veces non achega ao mundo a necesaria loita pola igualdade que todas e todos debemos esixir aos medios, empresas e entidades de comunicación”.

Meses de contactos e reunións deron como resultado unha asociación que co nome de Xornalistas Galegas comezará a súa andaina oficial este mesmo sábado nunha presentación no Auditorio da Facultade de Comunicación da USC.

A asociación ‘Xornalistas Galegas’ creará un Observatorio de Medios

“A decisión de lanzarnos ao activismo social do xornalismo feminista ten moito que ver con reivindicar o feminismo”, sinala a Nós Televisión a xornalista Beatriz Vila, “queremos coordinarnos cos outras patas do feminismo”.

Obxectivos

Con moito traballo por diante en Xornalistas Galegas xa teñen algúns obxectivos claros. Un deles é a estructura en base a grupos de traballo e outro é a creación dun Observatorio de Medios.

“Sabemos que hai dinámicas vellas dentro das empresas e que nalgunhas non hai mala intención”, afirma esta xornalista, “mais queremos que se abra unha reflexión nelas e que a asociación sirva como paraugas para as xornalistas”.

Presentación oficial

Programa do evento

A presentación oficial desta asociación será o 10 de novembro no Auditorio da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC a partir das 11 horas. Participarán a catedrática Margarita Ledo e a profesora de Socioloxía de Xénero sa UDC.

Rematará o acto cunha mesa redonda con seis mulleres sobre a pregunta de “Por que é necesario un xornalismo feminista?”. Participarán Paz Filgueira (xuiza), Joana Magalhães (investigadora), Alba Nogueira (doutora en Dereito), Silvia Pérez Freire (socióloga), María Xosé Porteiro (xornalista), e Elena Roca (licenciada en Ciencias da actividade física e o deporte e xogadora internacional galega de rugby).

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego