“Estase a facer xornalismo con perspectiva de xénero neste caso? Non. Cada día monotorizaremos as informacións publicadas e faremos recomendacións”. Con estas palabras, o colectivo Xornalistas Galegas inicia un fío nas redes socias no que denuncia a mala cobertura mediática do xuízo polo asasinato de Diana Quer.
En primeiro lugar, sinalan que a narrativa dos mass media presenta un acusado, José Enrique Abuín, como “unha aberración” en troques dun “produto da sociedade patriarcal”. As Xornalistas Galegas denuncian tamén o tratamento que os medios fan da exmuller de Abuín “presentada como unha tonta encubridora, mentres que o testemuño da agresión previa á ex cuñada é posto en tea de xuízo constantemente”.
Nesta historia artellada pola prensa destaca a figura pai da vítima. Juan Carlos Quer preséntase como “un heroe que se repón da traxedia” fronte unha nai que nos presentan como “unha persoa feble que se quebrou mentalmente”. Así e todo, a pinga que desborda o vaso é o tratamento mediático da irmá que se describe como unha persoa “incapaz de xestionar as súas emocións”. “Se a narrativa é esa, non é difícil pensar que hai pouca presenza da perspectiva de xénero no tratamento mediático, por non dicir ningunha”.
As Xornalistas Galega apelan á Declaración Compostela e ao Manual de Unió de Periodistas Valencians para realizar un correcto tratamento informativo da violencia de xénero. Aquí vai o fío do colectivo nas redes sociais:
Boa tarde! Hoxe, terceira xornada do xuízo polo asasinato de Diana Quer, encetamos un pequeno proxecto. Estase a facer xornalismo con perspectiva de xénero neste caso? Non. Cada día monotorizaremos as informacións publicadas e faremos recomendacións. Adiante o primeiro fío! ??
— Xornalistas Galegas (@asxornalistas) November 14, 2019