O candidato de Compromiso por Galicia (CxG) á Alcaldía de Compostela, Xoán Bascuas, coloca á Compostela máis rural como centro das súas propostas. Para Bascuas é imprescindible chegar a un “pacto rural por Compostela”. “Quen queira sentar con nós, terá que falar co tecido asociativo do rural”, “é unha liña vermella”.
Con respecto ás e ós demais aspirantes á Alcaldía, Bascuas considera que “o efecto PSOE e o efecto Bugallo existíu” e fai fincapé no “existíu” porque, segundo indica, é un efecto que “xa pasou”. Ademais, hai “tres candidatos que xa foron alcaldes e xa se sabe do que son capaces pero tamén do que son incapaces” polo que pide “unha oportunidade” para demostrar do que pode ser capaz tendo a alcaldía de Compostela.