Un ano máis, a veciñanza compostelá poderá escoller como investir os 1’5 millóns de euros que o Concello pon a disposición do programa de orzamentos participativos Compostela Decide. Nesta edición, a cidadanía poderá votar as diferentes propostas a través da web decide.santiagodecompostela.gal ou nas diferentes asembleas que se celebrarán nas vindeiras semanas.
1.500.000€
Os Orzamentos Participativos para 2019 ascenden a 1.500.000 euros: 400.000 para investimentos no conxunto do municipio, 450.000 para o rural e 225.000 respectivamente para cada unha das zonas que participan nesta edición (leste e noroteste) e 200.000 euros para actividades (100.000 para actividades dirixidas á mocidade e 100.000 para actividades a celebrar nas Festas do Apóstolo).
Reservarase preto de medio millón de euros para o rural
Unha aposta polo rural
Unha das principais características deste proceso, segundo indicou a alcaldesa accidental María Rozas, é a “forte aposta” do Concello polo medio rural. Neste senso, haberá unha partida de 450.000 euros para realizar investimentos nas parroquias compostelás dos arrabaldes.
Arquivo: Aumenta a implicación cidadá nos Orzamentos participativos
As diferentes propostas presentaranse dende hoxe até o vindeiro 6 de xullo. Logo abrirase un proceso de “recollida de apoios” durante todo o mes, e os proxectos mellor avaliados pasarán á votación final, que se celebrará do 25 de setembro ao 14 de outubro. Poderá votar calquera persoa maior de 16 anos empadroada en Compostela.
Arquivo: En marcha tres intervencións impulsadas polos orzamentos participativos
A seguridade do proceso
O Grupo Motor dos Orzamentos Participativos, conformado por persoas de asociacións e outras que a título individual dinamizan e pilotan o desenvolvemento deste proceso, aprobou o regulamento que rexe o proceso na xuntanza celebrada o pasado mércores 6 de xuño no Centro Sociocultural das Fontiñas.