O programa do Entroido 2018 ofrece un amplo abano de actividades para tódolos públicos. O prato estrela da programación, o desfile de Entroido, partirá ás 17.30 horas do martes 13 de febreiro da Avenida de Ferrol, e rematará na Avenida de Xoán Carlos I.
Premios
O Concello destinará máis de 10.000 euros para premiar as comparsas e disfraces máis orixinais do desfile, repartidos en cinco categorías.
As actividades do entroido comezarán o vindeiro 10 de febreiro
O Entroido arrincará oficialmente o sábado 10 de febreiro, co tradicional desfile do Meco dende a Praza de Cervantes —a partires das 20.00 horas— ao Pazo de Bendaña, onde permanecerá até o mércores 14. Ese día, a figura percorrerá de novo as rúas da cidade, ficando na Praza Roxa para ser queimado ás 21.00 horas ante o público asistente.
O Meco deste ano corre a conta de José Manuel Méndez, que presenta unha escultura de carácter supersticioso debido a que o Entroido celébrase un martes 13.
Asemade, o domingo 11 celebrarase o tradicional Festival Infantil de Disfraces na Sala Capitol, cuxa entrada será de balde até completar o aforo. O evento comezará ás 16.30 horas. Ao día seguinte, haberá obradoiros para os cativos e cativas no Pazo de Bendaña e a Praza do Toural, en horario de mañá e de tarde.