O mes de novembro ten unha cor instalada xa na cidade de Compostela: o negro. Un ano máis a concellaría de Igualdade que dirixe Marta Lois realiza toda unha serie de actividades para visibilizar o grave problema da violencia machista collendo como data sinalada o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra a Muller.
Unha das actividades máis chamativas xa está en marcha polas rúas da cidade e consiste nun bus que leva todo exterior de cor negra e percorrerá, ademais da cidade, as parroquias.
Conferencia de Marcela Lagarde
Ademais o 8 e o 9 de novembro no Centro Cívico das Fontiñas terán lugar unhas Xornadas técnicas sobre delitos contra a integridade sexual, organizadas en colaboración co Grupo de Cidadás Inquietas de Compostela. E para a seguinte semana agárdase a visita de Marcela Lagarde, toda unha referente do feminismo mundial, que participará o 19 de novembro nunha Conversa Feminista na Sala Capitol a partir das 19:30 horas.
Para o 23 de novembro está prevista a accion na praza do Obradoiro en colaboración cons IES da cidade e ademais o propio Cineuropa ten na súa programación a proxección de varias películas procedentes do arquivo feminista Simone de Beauvoir de París e un ciclo específico que leva por nome “O presente é muller”. Ademais o Estadio Municipal de San Lázaro tinguirase de negro o vindeiro 18 de novembro no encontro da SD contra o Choco.
Toda a programación de Compostela en Negro está dipoñible na súa web.