Volve o festival experimental ‘Alguén que respira’

Entre os días 21 e 23 de marzo, o Teatro Principal acollerá a segunda edición do festival de poesía "Alguén que respira!" para celebrar o Día Mundial da Poesía

Volve a Santiago o festival de poesía “Alguén que respira!” para celebrar o Día Mundial da Poesía o vindeiro 21 de marzo. Esta edición está organizada coa colaboración da Concellaría de Acción Cultural e a Consellería de Cultura e Turismo, e promete contar con artistas de diversa índole e gran recoñecemento.

Entre os días 21 e 23 de marzo o Teatro Principal albergará esta segunda edición do festival. E farao dun xeito nada convencional, xa que todos os recunchos do edificio estarán incluidos como espazo de actuación (faiado, balcóns e incluso os servizos). Ademais, o Director Artístico do Festival, Antón Lopo, quixo deixar claro que un dos puntos fortes será o estreo de 9 obras como parte da programación. “Alguén que respira!” promete ser un “motor de creación”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Alén da poesía, o festival terá varios co-protagonistas. O primeiro día, será a festa. Ás 12 do mediodía comezará o festival co lanzamento de bombas de palenque desde a Rúa de Galeras. A oralidade e a improvisación tamén serán piares fundamentais. A regueifa como medio de dinamización lingüística entre a mocidade, e a comunicación oral como parte fundamental da tradición e cultura galegas son aspectos que á hora de organizalo non quixeron deixar de lado.

Voces tan recoñecidas como Gonzalo Hermo, Margarita Ledo, Luis Tosar, Quique Alvarellos, o colectivo Ronseltz ou HARD GZ farán do Teatro Pirncipal un mundo aparte as vindeiras semanas.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -