Luís Villares dá un paso adiante e acusa directamente á dirección estatal Podemos de estar dinamitando o espazo de unidade galego. Critica o xiro do partido de Pablo Iglesias que, para Villares, evidencia un cambio nun Podemos “hoxe irrecoñecible”.
“Están empeñados en destruír este grupo parlamentario, a convivencia e a confluencia. Pero En Marea como proxecto político non é propiedade de Pablo Iglesias. É un proxecto que nace plural e que quere seguir sendo plural. Polo tanto, hai cousas que non se poden permitir”, indica Villares. Que lamenta “profundamente esta nova transmisión dunha sensación de lío. Algo do que algúns quixemos apartarnos dende o primeiro momento. Pero que non ten sido posible debido á actitude dos que se negan a acatar as normas internas e se opoñen á convivencia”.
“Mariló Candedo non é mellor nin peor candidata que ningunha outra que se poida propoñer. Pero trátase dunha decisión que se axusta ás normas internas de En Marea. Unhas normas das que nos dotamos para a nosa propia convivencia como proxecto político”, expón Villares sobre a súa candidata a senadora por En Marea. Luís Villares expresou a súa vontade de “deixar atrás os desencontro e poder chegar a posturas de consenso. Ninguén en Galicia pode negar a boa vontade que En Marea e eu mesmo puxemos para acadar acordos, superar polémicas e evitar seguir alimentando mediaticmente situacións de desencontro. Pero temos pouca marxe de actuación. E é así porque hai dous anos en Vistalegre II Pablo Iglesias decidiu rachar coas confluencias para construír un partido único a nivel de todo estado. Unha idea á que En Marea se opón”.
“E nós non podemos suplantar esas primarias por pactos de despacho”
“Eu non entendo que Iglesias vexa ben someter a referendo un asunto privado e irrelevante como a compra dun chalé na serra de Madrid e sen embargo desprecie as primarias realizadas para escoller cargos de representación pública. Hai unhas normas para designar os cargos institucionais que pasan polas primarias. E nós non podemos suplantar esas primarias por pactos de despacho. Porque viñemos facer as cousas doutra maneira”, continuou Villares.
O voceiro lembrou que esa foi precisamente unha das razóns pola que non foi posible concorrer de xeito unitario ás últimas eleccións xerais. “A negativa de Podemos a someterse un proceso de primarias rachou coa ilusión da xente. Algo que tamén pasou nas municipais. E iso non pode ser. Podemos está abandonando os principios fundacionais da nova política“, lamenta Villares, que insta a todo o mundo a afrontar a necesaria reflexión interna.