O portavoz de En Marea, Luís Villares, aproveitou a súa intervención na sesión de control ao Presidente da Xunta de Galicia para preguntarlle a Núñez Feijóo polas medidas que pensa implementar o Goberno galego ante o drama social da violencia e os asasinatos machistas. Villares propúxolle que se realizaran máis inversións para loitar contra esta lacra a nivel educativo, cultural, social e económico.
Núñez Feijóo respondeu negando os datos presentados por Luís Villares e insistiu en que o problema está na sociedade galega. O Presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para pedir á cidadanía que denuncie calquera caso do que teña constancia.
Aprobada unha iniciativa para reforzar a atención ás mulleres vítimas do machismo no rural
Relacionado coa muller, o Parlamento galego aprobou por unanimidade a iniciativa presentada polo deputado de En Marea, Davide Rodríguez, orientada a reforzar a atención ás mulleres vítimas da violencia machista no medio rural. A proposta implica fornecer cursos de formación campañas de sensibilización e concienciación orientadas especificamente ás mulleres rurais, poñer os medios e recursos suficientes para mellorar a atención ás mulleres vítimas de violencia machista no medio rural e incrementar o número de Centros de Información á Muller.