
Segundo o artigo 10 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística os topónimos terán como única forma oficial a galega. Malia que corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia, os municipios como institucións máis achegadas ao cidadán, poden contribuír a que se respecten as nomes de cada zona que se conservaron co paso dos séculos.
Vila de Cruces, concello do interior pertencente á comarca do Deza cunha poboación duns 5.600 habitantes, entendeu que tiña esa obriga e propúxose levar a cabo unha campaña de información e coñecemento da súa toponimia oficial comezando por algúns dos lugares dos seus 158 núcleos de poboación. Visitamos este municipio en compañía de Andrés Lareu, concelleiro de Obras e Servizos, para coñecer o seu desenvolvemento.
A sinalización non só é unha cuestión de normalización lingüística tamén é unha necesidade para a propia veciñanza
3-A sinalización actual dos lugares e parroquias, así como de lugares de interese neste concello data de hai moitos anos atrás e inclúe algúns castelanismos que con esta campaña queren comezar a corrixir. Algúns mesmo son fonte de discusión entre a veciñanza polo seu nome ou polos lindes que teñen.
Mudanzas controvertidas
Noutros casos non existe sinalización e o topónimo que está extendido entre a poboación non é o oficial, de xeito que os veciños non saben como se chama oficialmente o lugar onde viven. Para corrixir o descoñecemento é necesario levar a cabo un proceso de sinalización correcta e adaptada á toponimia oficial.
Accións como a que está a realizar o municipio de Vila de Cruces coa colaboración da Deputación de Pontevedra son importantes para a normalización da nosa língua nos espazos públicos e ao mesmo tempo facilitan a vida diaria da poboación.