Home Programas Área Compostela Uxío Breogán Diéguez: “Victimizar a ultradereita é un erro”

Uxío Breogán Diéguez: “Victimizar a ultradereita é un erro”

0
Uxío Breogán Diéguez: “Victimizar a ultradereita é un erro”

Uxío Breogán Diéguez Cequiel vive a historia no presente e pensa nela no futuro. Explica con paixón a importancia que ten nas sociedades coñecer o seu pasado e non se queda só coa súa actividade docente como profesor na UdC, pasa a primeira liña como activista implicado en proxectos como a Revista Murguía, o Instituto Galego de Historia ou as Fundacións Alexandre Bóveda e Moncho Reboiras.

Comecemos falando da revista Murguía. Dezaseis anos consolidan unha publicación referente para as persoas interesadas na nosa historia. Cumpriuse o obxectivo para o que naceu alá polo ano 2003?

O balance é positivo. Os obxectivos centrais que nos marcamos foron cubertos uns en maior medida ca outros. Había unhas lagoas no ámbito historiográfico actual no noso país na socialización das investigacións sobre historia, sobre todo daquelas que viñan do ámbito académico e universitario. O público en xeral descoñece as teses que se publican. Nós queriamos trasladar ao público en xeral o que se estaba a facer nese campo cun formato dinámico que estivese presente nas librarías galegas.

Desde o principio tivemos claro que non se tiña que circunscribir ao papel e que tiña que estar en formato electrónico. En canto aos contido queriamos traballar moito as xeracións máis novas do ámbito historiográfico. Non se trataba de facer unha aposta segura polos consagrados e consagradas, que estaban presentes, senón introducir aos novos talentos da historiografías en todas as áreas. Ademais facilitamos a edición das súas teses. O éxito constátase nos máis de 350 subscricións que ten a revista e os ao redor de 300 exemplares que vendemos en quiosco. Ademais creou o Instituto Galego de Historia.

Que función realiza o Instituto Galego de Historia?

A idea sempre foi poñer a investigación histórica ao servizo do progreso da sociedade galega e da reivindicación de Galiza somo suxeito político. Lanzouse a colección Monografías que comezou cunha obra sobre Antón Moreda e a colección Colectiva de máis de tres autores.

A idea sempre foi poñer a investigación histórica ao servizo do progreso da sociedade galega

Nos vindeiros meses lanzaremos unha nova colección denominada Exterior que se vai a encargar de exportar fóra das nosas lindes xeográficas a historia de Galiza. Será en inglés, portugués e español. O primeiro volume será sobre o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) e contará con fontes portuguesas inéditas. Pensamos internacionalizar o país, a nación como tal non pode vivir sobre si mesma.

De cara ao ano 2020, co centenario da revista Nós, queremos que o Instituto Galego de Historia se afiance como a casa común para o debate historiográfico. Realizaremos unha serie de encontros onde teñamos un diálogo sobre o pasado e sobre todo do futuro.

Como presidente da Fundación Alexandre Bóveda e membro da Fundación Moncho Reboiras como definiría a situación das fundacións na Galiza?

Existen fundacións con máis ou menos recursos, cousa que limita que programen actividades. Do perfil que traballa do ámbito no que eu participo hai unha cantidade excesiva de fundacións no país. Ademais hai unha falta de diálogo entre estas fundacións que non axuda, dada a falta de medios que temos todas, a optimizar recursos. Sería óptimo realizar actividades compartidas. Non digo con isto que teña que desaparecer ningunha fundación.

Hai unha cantidade excesiva de fundacións no país

Hai un proxecto, agora invernando, que foi o arquivo dixital do nacionalismo galego. Pódese consultar en arquivodonacionalismogalego.info onde están os fondos ou o catálogo dos fondos dixitalizados de varias fundacións. A colaboración é posíbel. Mesmo en xornadas, congresos,… para reflexionar. É moi importante reflexionar sobre o país en clave de futuro para ensaiar novos contextos que o país ten que transitar. Falar da autonomía, que está esgotada, falar de soberanismo,… Falar de economía, de traballo,…. Cal é a nosa opción de país?

Hai mostras en Europa da importancia da reflexión antes de dar certos pasos

Hai mostras en Europa da importancia da reflexión antes de dar certos pasos. Por exemplo no caso do Brexit. En que situación está o Reino Unido? Como será o día despois? Seduces a esa outra metade que quere seguir na UE? É moi importante reflexionar e a reflexión é diálogo. No noso país pódese estar en contra do eucalipto mais hai que falar do futuro da industria madeireira, se o modelo ten que ser outro.

A Xunta, as empresas, están pola labor de botar unha man ás fundacións?

No tocante á relación coas institucións e empresas a relación, poño por exemplo a Fundación Alexandre Bóveda, foi irregular. Pensemos que o propio Bóveda foi fundador de Caixa Pontevedra e ata a fusión das caixas había unha colaboración estreita que se foi perdendo e desapareceu coa actual Abanca. Tentaremos retomar esa relación e os seus inicios galeguistas.

Uxío-Breogán Diéguez a carón da sede da editorial Nós de Ánxel Casal en Compostela

Coa Xunta retomamos a relación con motivo da traída do cadro de Castelao e veremos en que queda o chamamento que fixeron para participar no aniversario da Revista Nós.

A súa tese de doutoramento analiza o nacionalismo galego desde 1936 ata 1975. Como explicaría a situación actual?

Na miña tese igual que comezo un pouco antes do 36 trato tamén o momento inmediato posterior. O substrato do BNG aumenta nun principio cunha xeración que non viviu a guerra e moi formada. Un nacionalismo que será plural e de esquerdas. Chegou a grandes cotas de representatividade en moi pouco tempo a finais do século XX cun activismo de rúa. Chega ao seu zenit co bipartito e logo comeza unha disgregación do proceso de unidade por varias circunstancia. Agora mesmo semella que hai unha remontada que se podería confirmar cos resultados destas eleccións Xerais, antesala das municipais e europeas.

A ultradereita volve, algúns din que nunca marcharon, das institucións. Que resposta se lle debería dar desde o nacionalismo?

Estamos diante da ultradereita de sempre mais renovada que se presenta por vez primeira desde os anos 80 con verdadeira forza por separado dunha dereita que non sendo menos ultra, non pon en cuestión parte do statu quo creado a partir da transición. Combate mesmo cuestións como a violencia de xénero ou a cuestión social que non facía o PP anterior a Casado. O propio Abascal dixo hai pouco sentirse “orgulloso dos seus maiores”. Quen son eses “maiores”?… Está claro quen son e o que fixeron, o golpe de Estado do 36 e antes do 23. A ultradereita é en esencia golpista e sempre tivo unha faciana institucional.

A ultradereita é en esencia golpista e sempre tivo unha faciana institucional

Como combatelo? O nacionalismo galego é, na súa esencia maioritaria, de esquerdas. A maneira de combatelo é a mesma que a esquerda a nivel internacional: primeiro falando, dando conta de quen son e o que representan, afirmándose a esquerda nos valores contrarios.

Non hai que ter medo a confrontar co fascismo, non hai que marxinalos nos debates, máis alá de que non estean por representatividade na TVE… Hai que confrontar coa ultradereita as veces que faga falta para poñer branco sobre negro. Hoxe coas redes sociais tanto teñen os medios de comunicación. Vitimizar a ultradereita é un erro. O nacionalismo de esquerdas ten que confrontar desde unha visión de clase, con perspectiva de xénero. Sería un erro levalo a un debate só “territorial”… a ultradereita é moito máis ca iso.