Verín converterase este domingo na “capital do feminismo galego”. O domingo previo ao 8 de marzo, milleiros de mulleres de diferentes partes de Galiza manifestaranse en Verín baixo o lema ‘Sen coidados non hai vida, mudando o sistema, derrubando o patriarcado‘. A convocatoria, organizada polo espazo Galegas 8M, busca celebrar a repertura do servizo de paridoiro no Hospital de Verín ao mesmo tempo que denunciar a violencia que se exerce contra as mulleres dende as institucións.
A manifestación partirá ás 12.00 horas da Avenida de Portugal percorrendo as principais rúas da vila ata chegar á praza Maior. A escolla de Verín continúa na liña de descentralización das manifestacións unitarias do movemento feminista galego que o ano pasado saíu ás rúas en Lugo e, o anterior, en Vigo.