O 25 de agosto de 2017 publicábase no DOG o proxecto de reapertura da mina de Touro e O Pino. A data non é casualidade: “É normal que nestas datas publiquen proxectos e normativas prexudiciais para que pasen desapercibidas”, explica no vídeo Marga Prieto, da rede Contraminacción. A Xunta buscaría obstaculizar a oposición cidadá ao proxecto favorecendo os intereses da empresa: “Para que non dea tempo a informarnos, organizar oposición e para que se nos pasen parte ou a totalidade dos prazos para alegar.”
Tanto é así que os veciños da zona afectada se decataron do proxecto falando entre eles en conversas informais. A veciñanza comezou a informarse en setembro e foi quen de organizarase contra o que consideran un proxecto “sen sentido”. Hoxe, dous anos despois, seguen berrando contra a reapertura e pedindo a restauración da antiga mina. Téñeno claro: “Imos facer o que faga falta para parala.”
No vídeo aparecen Marga Prieto (Sindicato Labrego Galego e Contraminacción), Ana Varela (Petón do Lobo), Nela Abella (Verdegaia e Contraminacción), e Suso, Jose e Helena (veciñas de Touro).