Home Programas Espazo Aberto Uxío Benítez será o primeiro director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Rio Minho

Uxío Benítez será o primeiro director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Rio Minho

0
Uxío Benítez será o primeiro director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Rio Minho
Uxío Benítez

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho comeza a súa andaina formal coa elección da súa dirección. Nestes primeiros dous anos de existencia será o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benitez. Este novo organismo nace co espírito de funcionar como ferramenta xurídica para facilitar a xestión de fondos europeos e potenciar así o territorio da fronteira formado por 16 concellos do Sur de Pontevedra e 10 câmaras do Norte de Portugal.

As Eurocidades

As grandes beneficiadas con esta nova entidade serán as eurocidades existentes na fronteira: Tui-Valença, Salvaterra-Monçao, Tomiño-Vila Nova de Cerveira ou A Guarda-Caminha. A AECT está amparada por unha lexislación propia para operar en España e Portugal con maiores facilidades burocráticas e administrativas que na actualidade.

En todo caso “estará ao servizo da cidadanía e de todos os concellos e cámaras municipais que a conforman” en palabras do propio deputado.

A AECT

Os dous socios principais da AECT son a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, que aglutinan 16 concellos pontevedreses (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, Mondariz-Balneario, Arbo, Crecente, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Ponteareas, As Neves, Mondariz, A Cañiza e Covelo) e outros dez do norte de Portugal, abranguendo máis de tres mil quilómetros cadrados de territorio e 375.995 habitantes.

A dirección terá sempre carácter rotatorio bianual e alternarase entre os dous socios que a conforman. A intención de Uxío Benitez é asentar o organismo nestes dous anos e desenvolver unha marca turística do río Miño que permita articular unha estratexia conxunta de todo o territorio.