As novas sinerxias entre a USC e ABANCA comezán a dar os seus froitos. Ambas institucións celebrarán na Cidade da Cultura os vindeiros 27 e 28 de novembro un gran evento coa intención de fomentar a cultura emprendedora: a I Feira de Innovación USC-ABANCA.
“Buscamos trasladar á sociedade o que facemos”, afirmou o reitor da USC, Antonio López na rolda de prensa de presentación do evento, “precisamos sacar á rúa a actividade da universidade”. Na mesma comparecencia participou o Presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet quen apostou decididamente por dotar de medios ao estudantado que ten ideas. “O emprendedor dá traballo, o funcionario non”, asegurou lembrando a súa experiencia docente nos USA.
O vicerreitor de Planificación Estratéxica, Gumersindo Feijóo, resumiu a programación desta primeira feira na que se reunirán figuras importantes en ámbitos moi variados. A día de hoxe xa hai algunhas actividades pechadas e están confirmados preto de 1.200 estudantes de bacharelato de toda Galicia. A participación é de balde previa inscripción na páxina web do evento.