“Unha Gran Burla Negra” chega este venres á Pobra do Caramiñal

O Teatro Elma, na Pobra do Caramiñal, acolle este venres 30 un evento que forma parte do proxecto que reivindica o movemento cultural que se deu despois da catástrofe do Prestige

Unha Gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige (2002-2019) botou a andar o pasado venres no Auditorio de Santiago de Compostela. Agora, comeza a andaina deste proxecto polo resto do país. Así, esta semana na Pobra do Caramiñal, haberá unha mesa sobre Ecoloxía, onde diferentes persoas debatirán sobre as consecuencias da marea negra, e sobre a capacidade da sociedade galega para reparar e aprender dos erros cometidos co medio ambiente.

O evento comeza ás 19:30 no Teatro Elma. Deste xeito, a mesa contará con Paula Méndez Fernández, experta en contaminación mariña e Investigadora no Observatoire Pelagis; Xaquín Rubido Muñiz, Presidente da Plataforma en defensa da Ría de Arousa. Voceiro da Plataforma NUNCA MÁIS e Antonio Acuña, veterinario rehabilitador de fauna petroleada no CRFS de Cotorredondo. Estará moderada por Diego Vázquez, xestor de fauna silvestre e educador ambiental.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Antes da conversa, estrearase a curta documental “Unha Gran Burla Negra”, sobre a explosión de protesta creativa que resultou da marea negra do 2002. O mundo da cultura reaccionou ante a catástrofe do Prestige do mesmo xeito que a xente do mar, había unha situación de emerxencia e cada gremio usou as súas ferramentas ou inventou unhas novas para facerlle fronte.

Unha Gran Burla Negra está financiado pola Deputación da Coruña, Concello de Santiago de Compostela, Concello da Coruña, Concello de Muros, Concello de Rianxo, Concello da Pobra do Caramiñal e o Auditorio de Galicia e a colaboración da USC.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -