O mes de novembro xa está sinalado no calendario como o da visibilización dun dos problemas máis graves da nosa sociedade: a violencia machista. O concello de Santiago iniciara en 2015 unha campaña para poñer en evidencia este tema en colaboración cos comercios da cidade. Desde aquela a iniciativa medrou extendendose por outros municipios, este ano serán máis de cen, e chegou tamén a outras institucións.
Nós Televisión quixo visitar algúns destes comercios composteláns que participan desde o primeiro ano nesta campaña para que nos fagan unha reflexión sobre a mesma. Visitamos A Reina de Saba, a libraría Lila de Lilith e a tenda de conservas Catrineta. Falamos coas súas responsables e todas coinciden en ver moi positiva a experiencia.
Falamos con tres comercios que levan desde o primeiro ano participando na campaña Compostela en Negro
Patricia Calvo, do comercio A Reina de Saba, explica que “moitos turistas que pasan por aquí están interesados en saber o significado da campaña, chega mesmo fóra”. Para ella “non sobran campañas”.
Patricia Porto Paderne, da libraría Lila de Lilith, participa activamente na campaña desde os seus inicios. Cre que “hai que ir máis alá da propia visibilización”. Explica a sorpresa que foi o primeiro ano e demanda “máis accións” para deter a violencia contra as mulleres.
A carón da praza de Abastos atopamos a tenda de conservas Catrineta. Cristina Doel, a súa propietaria, defende a campaña “porque os comercios somos lugares de socialización” aínda que hai que seguir loitando contra esta lacra “os 365 días do ano”.
A edición deste ano presentouse onte aos medios de comunicación e está aberta a participación dos comercios que queiran adherirse e que deberán encher un formulario posto a disposición polo concello. Aqueles que participen recibirán o material da campaña entre o 12 e o 16 de novembro.