O Concello de Santiago non colleu con enorme satisfacción a proposta electoral do PSdeG e, nomeadamente, de Bugallo, de conectar Compostela coa Cidade da Cultura a través dun teleférico. Trátase dunha vella idea do anterior goberno bipartito na cidade e que xa fora desbotaba hai máis de dez anos polo seu elevado custe económico.
Preguntado por Nós Televisión sobre esta posibilidade, o edil de mobilidade da cidade, Jorge Duarte, non se amosou especialmente entusiasmado pola proposta de Bugallo. “O custe dun teleférico é brutal e non só durante a obra: tamén no seu mantemento” resaltou o edil de Compostela Aberta. Máis de dez millóns de euros sería o custe estimado segundo indican fontes socialistas.
Unha proposta para a mobilidade ou para o turismo?
En todo caso, desde o Goberno municipal poñen en dúbida as cifras ofrecidas por Bugallo para retomar esta proposta e lamentan que carece de estudos serios que a avalen. Poñen en dúbida tamén que un teleférico sexa unha proposta oportuna para mellorar a mobilidade e o tráfico e amósanse dispostos a explorar máis opcións para mellorar a conectividade da Cidade da Cultura co centro compostelán.
Ademais das altas implicacións económicas desta proposta sen definir, hai máis de dez anos a UNESCO estimaba que unha instalación destas características podería supor un perigo para a Declaración da Cidade como Patrimonio da Humanidade