Home Programas Espazo Aberto Un Nadal con sentido no consumo

Un Nadal con sentido no consumo

0
Un Nadal con sentido no consumo

 

Achéganse os días nas que as protagonistas son as ceas, a familia, as panxoliñas… e indubidablemente tamén os regalos. Aínda que o resto do ano cada vez son máis as persoas que se preocupan polo que consumen, non adoita acontecer así durante o Nadal. Con todo, un consumo consciente tamén é posible nestas datas. Pero, como conseguir comprar con coidado e sen pasarnos? Aquí amosamos uns consellos.

“Habitualmente, coméntase que nestas datas se incrementa o consumismo; pero poderíamos dicir que se incrementa a inconsciencia e que as cidadás e cidadáns se comportan, máis que nunca, como autómatas”. Deste xeito comeza o comunicado de Nadal do Colexio Oficial de Psicoloxía, no que se conclúe que tempo e afecto son dos mellores regalos que se lles poden facer aos nenos hoxe en día. Con todo, se aínda así se queren regalar cousas físicas, existen moitas formas de facelo da mellor maneira posible. Desde a Coordinadora Galega de ONGD tamén ofrecen “ideas para non caer na trampa do consumismo”.

Xoguetes para aprender xogando

Cada vez son máis os xogueteiros que optan por vender –ou en ocasións incluso crear– xogos artesáns e educativos. Este tipo de xoguetes adoitan estar fabricados con madeira, polo que son case indestrutibles, e permiten aprender mentres os nenos, e mesmo os adultos, se divirten. Este é o caso de Irimia Fernández e a súa tenda Brazolinda, ou a Cooperativa Miudiño, que non só avogan polo xogo educativo, senón tamén cooperativo e en familia, fomentando ademais a igualdade de xénero e a creatividade.

Regalos para pequenos e maiores

Cando se trata de regalar aos máis maiores, a cousa parece máis complicada, sobre todo tendo en conta que os regalos que se adoitan facer máis a miúdo están relacionados con dúas das industrias máis contaminantes e desiguais: a téxtil e a da electrónica. Para evitar contribuír a isto, en relación co téxtil, é posible mercar local e roupa feita con comercio xusto, como é o caso de Racataplán. No ámbito da tecnoloxía, pódense comprobar listaxes como The Guide to Greener Electronics de Greenpeace, e observar cales son os móbiles e ordenadores máis xustos e duradeiros.

Reciclaxe e regalos alternativos

Ademais disto, é importante ter presente a reciclaxe e intentar non consumir plásticos en exceso. E, como non, sempre se pode optar por cultura, excursións ou tempo libre como regalo de Nadal este ano.