Home Programas Área Compostela Un millón de euros na Coruña para proxectos de Xustiza Social e Mobilidade Sostible

Un millón de euros na Coruña para proxectos de Xustiza Social e Mobilidade Sostible

0
Un millón de euros na Coruña para proxectos de Xustiza Social e Mobilidade Sostible
Valentín González Formoso e Xulio Ferreiro na sinatura do Protocolo

Concello e Deputación da Coruña veñen de asinar un protocolo de colaboración polo que o ente provincial achegará un millón de euros ao municipio que servirán para cofinanciar proxectos de alcance metropolitano centrados especialmente nos eidos da xustiza social e a mobilidade sostible.

“Os límites administrativos non son exactos cando falamos de investimentos”. Con estas palabras o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, sinalaba a aposta decidida do goberno local por proxectos que beneficien a toda a área metropolitana. Da mesma opinión era o propio presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que aseguraba que “a Deputación provincial ten claro que esta colaboración beneficia á cidade da Coruña e a toda a provincia”.

Obras ambiciosas

Entre os proxectos que entrarían dentro deste protocolo o máis cuantioso remodelaría o cruce entre as rúas Ramón y Cajal e a Avenida do Exército, coa creación dunha glorieta que regulará, para facer máis fluído, o tráfico de vehículos na zona e que dará conexión ao carril bici metropolitano co resto da rede ciclable da cidade. O seu orzamento é de 542.000 euros, dos que o a aportación do ente provincial ascenderá a 434.000 euros.

No ámbito social salienta, por exemplo, o proxecto de reforma do Centro de Planeamento Familiar (COF), que ten un orzamento de licitación de 398.971 euros, contará con financiamento do ente provincial de case 320.000 euros.

Tamén figura o programa “Concilia os teus tempos”, o servizo municipal de canguraxe que facilita a harmonización dos tempos nos eidos persoal, familiar e laboral para as unidades familiares que o precisen e que atende a menores con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. Este servizo proporciona atención especializada a menores fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero dentro do Concello da Coruña pero tamén a residentes nos concellos da área. A achega da Deputación para este programa, que ten un custo global de 283.656 euros, é de 100.000 euros, en base ao acordo acadado nesta xornada.