Home Programas Espazo Aberto Un ferrocarril “público e social” para medio millón de galegas

Un ferrocarril “público e social” para medio millón de galegas

0
Un ferrocarril “público e social” para medio millón de galegas

O movemento en Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas manifestábase en decembro en Ferrol pedindo un medio de transporte “moderno e eficiente” na comarca de Ferrolterra e As Mariñas. Desde a plataforma critican a falta de vontade política: “Desmantelan o tren e logo din que non se usa, o cal non é máis que unha gran mentira para seguir co desmantelamento”.

Nos concellos polos que pasa a liña Ferrol-A Coruña viven 482.000 persoas, case unha quinta parte do país, “persoas que poderían viaxar comodamente no tren se estivera en condicións: con máis servizos, mellores horarios, tempos e cadencias“, explica nun díptico a Plataforma.

Lembran tamén que a liña actual é “aproveitable” e que o investimento necesario para poñer en marcha un servicio digno non sería “tan desorbitado”, máis aínda se se compara co investimento no AVE. Ademais, lanzan unha pregunta: “Galicia é o único país costeiro do estado español que non ten tren de cercanías. Euskadi, Cantabria e Asturias téñeno. Por que?

Un exemplo: ir da Coruña a Ferrol en tren supón 1 hora e 14 minutos na viaxe máis rápida, con frecuencias pésimas (por exemplo, non hai ningún tren entre as 9:00 e as 13:30). Practicamente o tempo de viaxe é o mesmo tempo que A Coruña-Vigo, pero con frecuencias moito peores. Ademais, a liña ten retrasos e cortes de servizo moi habituais, como conta unha usuaria neste blogue.

Tamén resulta preocupante a situación a nivel demográfico, xa que vilas como Pontedeume ou Miño carecen de calquera transporte público cunha mínima eficiencia: o traxecto Pontedeume-Coruña é de 51 minutos, cando en coche se tarda xusto a metade (26′). O bus, en mans privadas, conta incluso con peores frecuencias que o tren. Cómpre destacar que unha gran parte das persoas destas vilas traballan en Ferrol ou Coruña, polo que se ven obrigadas a se desprazar en vehículo privado, co conseguinte custo económico, temporal e medioambiental.

Mobilizacións e unidade dos concellos

Manifestación de novembro en Pontedeume. Imaxe: Plataforma en Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas

En novembro, alcaldes e concelleiros dos diferentes municipios participaban nunha manifestación en Pontedeume pedindo un “ferrocarril público e social; ecolóxico, eficiente e sostible”. Na viaxe reivindicativa e manifestación do pasado día 14 en Ferrol tamén participou o Movemento Galego Polo Clima.

Ademais, a principios de decembro, o concello da Coruña facía visible a súa “aposta polo impulso dun servizo de cercanías”, en verbas do concelleiro de Mobilidade Juan Villoslada. A Marea Atlántica, que participou na mobilización do día 14, incide en que só con 200.000 se podería reducir en 15 minutos a viaxe, en referencia ao bypass de Betanzos-Infesta.

Mentres, a Xunta e goberno do estado seguen a voltas coa data da chegada do AVE. As últimas novidades sobre o cercanías, recollidas no Plan Director del Corredor Atlántico de febreiro, fala de melloras na liña -sen concretar- a partir de 2023. Por outra banda, a Xunta tiña anunciado en 2009 a creación dun “ente ferroviario galego” para transferir as competencias necesarias para articular os cercanías. Malia que foi lembrado numerosas veces durante estes anos pola oposición no Parlamento, nada aconteceu.