O científico estadounidense experto en balsas mineiras, Steven H. Emermand, cualificou de “posible maldición para as xeracións futuras” e unha “tolemia” o proxecto de Atalaya Mining para a mina de Touro-O Pino. Destacou, por exemplo, a súa proximidade a menos de 200 metros de núcleos de poboación e o deseño das balsas de lodo.
Nunha rolda de prensa que tiña lugar en Compostela, o experto deu conta do seu informe sobre o risco das balsas do proxecto da mina de Touro acompañado de representantes da Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non e a Rede ContraMinación. Emmermand tamén se preocupou en aclarar que non ten “nada en contra da minería” só que lle preocupan “os erros” nas balsas de lodos e as consecuencias que poidan desencadear. Na súa opinión, esta mina non dispón das garantías de seguridade precisas, incluso para despois de que remate a actividade extractora.