Afundación vén de presentar o seu estudo A Economía Galega. Informe 2017, un documento que reflicte a tendencia positiva da economía de Galicia durante o pasado ano. Os grandes sectores económicos do país, agás o primario e o enerxético, creceron por riba do 3%, e o PIB per cápita medrou a respecto de 2016 e pechou o exercicio nos 22.497 euros.
A economía galega medrou nun 3’1% en 2017
O mercado do traballo segue sen reflectir unha considerábel mellora en termos de calidade do emprego
A industria manufactureira é o sector que lidera este crecemento sostíbel, cun incremento superior ao 4%. Con todo, malia o “ciclo expansivo” da economía galega, o mercado de traballo segue sen experimentar mudanzas substanciais en termos de calidade do emprego, malia reducirse a taxa de desemprego ao seu mínimo dende a crise, un 15’7%.
Diferenzas entre Galicia e o conxunto do Estado
A respecto dos primeiros meses de 2018, a economía galega continúa a súa tendencia en positivo a nivel xeral. Porén, unha das principais conclusións que pode extraerse deste informe é que, a pesares do crecemento equilibrado de Galicia, as cifras afástanse das que rexistra o conxunto do Estado nalgúns sectores coma a construción, o sector público ou o turismo.