Na semana do 8 de marzo non podía faltar unha mención a unha figura fundamental no movemento feminista galego: a escritora compostelá Xohana Torres. O Concello de Santiago celebrou este mércores a segunda edición do Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual acerca da historia social e política das mulleres compostelás.
A categoría de ensaio quedou deserta ao non presentarse ningunha obra, mais o documental “Concha Castroviejo: Arelas de liberdade”, en lembranza da emblemática escritora e xornalista da cidade, gañou o premio no apartado audiovisual. A concelleira de Igualdade, Marta Lois, inaugurou o acto coa lectura do poema “Sueiro”, de Xohana Torres, finada o pasado ano.
Concha Castroviejo, un “espírito libre”
Aurora Marco e Pablo Ces, nai e fillo, son as autoras desta peza após varias semanas de intenso traballo de documentación e gravación, para o que contaron coa colaboración de familiares e amigas da defunta Concha Castroviejo, un “espírito libre” na tradición cultural galega.
Así e todo, o encargado de elaborar a parte audiovisual do proxecto e fillo de Aurora Marco, Pablo Ces, convidou á cidadanía galega a sumarse á folga feminista do 8 de marzo, salientando a importancia de fomentar iniciativas coma esta ou a propia gala de premios para “visibilizar ás mulleres” que, ao igual que a xornalista Concha Castroviejo, ficaron no esquecemento ao longo da historia.
De cara á vindeira edición do Premio Xohana Torres, abrirase a participación a calquera persoa de Galicia. O prazo de entrega comeza este mesmo mércores e rematará o 31 de decembro de 2018.