14 de febreiro de 2017. O equipo de comunicación de Agustín Hernández convócanos a unha rolda de prensa nas aforas de Compostela e, para iso, poñen á disposición dos medios de comunicación un autobús para facilitar a cobertura mediática. Unha rolda de prensa na que o líder do PP denunciaría a contaminación do río Sar.
Ao PP non se lle dan ben os paseos coa prensa polos ríos e inmediatamente lembramos a Conde Roa en 2005, daquela candidato á alcaldía, bañándose no Sarela para reclamar o saneamento do río pero nunca pensamos o que sucedería despois.
O PP tiña todos os detalles preparados para conseguir unha exemplar foto. Un acto aparentemente ben intencionado e ben enfocado pero cun resultado final desastroso que a estas alturas todo o mundo coñece. Con varios millóns de reproducións e cunha repercusión internacional, Agustín Hernández convértese en trendin topic. Agora, un ano despois, lembramos con Yuri Carrazoni, que daquela era redactor de Nós Televisión, todo o sucedido naquela xornada.
Pasan as horas e comeza o traballo. Hai unha crónica que comeza a difundirse pero obvia o esencial. “Agustín Hernández denuncia la contaminación del Sar”. Había máis medios pero ninguén di nada. Ao rematar a semana, Agustín Hernández foi motivo de mofa e denuncia en boa parte dos medios de comunicación estatais como con Ana Rosa Quintana (Tele 5), El Intermedio e Más Vale Tarde (La Sexta), Buenafuente, El Progreso, La Vanguardia, la Ser… E por non falar das redes sociais, o líder do PP era viral.
Un fiasco máis grande que a Catedral de Santiago. Varios días tiveron que pasar para que Agustín Hernández pedira publicamente desculpas. Menos paciencia tivo coa súa xefa de prensa, fulminada días despois do escándalo no Sar malia ser ela a única que lle pedira ao que fora conselleiro de medio ambiente que non fixera parvadas.
Chovía e ese día non puidemos gravar máis. Ese tarde tivemos que enviar unha das nosas cámaras ao servizo técnico. Igual que Agustín, ela tampouco soportou o paseo.