O Goberno de Compostela levará mañán ao Pleno a proposta de modificar PXOM e o Plan Especial da Finca do Espiño, para reducir a superficie edificable e incluíla no parque público. Como explica o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, “o espazo que antes se ían edificar 10.500 m2, agora pasarán a ser 2.000“, un xeito, tamén, de “limitar unha especulación urbanística que non tiña sentido” e de “priorizar o ben común sobre o ben particular”, engade.
O proxecto da Finca do Espiño sobre o que o goberno municipal de Santiago leva meses traballando ten como obxectivo “preservar a singularidade paisaxística” da contorna e frear unha “operación urbanística especulativa”. Desde Raxoi inciden en que a modificación do PXOM que se debaterá no pleno municipal deste xoves pretender mellorar a ordenación urbanística da zona e limite a edificabilidade inicial prevista na zona. O concelleiro lembrou que a actual ordenación do ámbito privado da Finca do Espiño “está obsoleta, contempla uns aproveitamentos excesivos sen ter en conta a calidade ambiental do espazo”
A obra limitaríase ao final da Rúa do Carme de Abaixo, respectando así a carballeira e a zona verde. Esta edificación “podería ser destinada a uso residencial comunitario“, explica Duarte como a mellor opción, “ou de vivenda cunha porcentaxe adicada á vivenda de protección“, engade. O custe de expropiación do terreo que deixaría de ser edificable e pasaría a ser parque público estímase arredor do 560 mil euros.