A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, presentou en rolda de prensa no Pazo de Raxoi as principais accións que Turismo de Santiago desenvolverá este ano en Fitur, a feira turística máis importante do Estado español que terá lugar en Madrid do 18 ao 22 de xaneiro. Dos cinco días que durará o encontro, que o ano pasado reuniu a máis de 230.000 persoas, os tres primeiros están reservados ao público profesional.
Turismo de Santiago, na propia feira, recollerá o galardón en recoñecemento ao destino con mellor reputación electrónica do Estado español e participará na final dos premios que concede Segittur, entidade do Ministerio de Turismo encargada de fomentar a innovación no sector turístico do Estado español.
Apostar por un destino turístico de calidade
Segundo informou Marta Lois, o persoal de Turismo de Santiago manterá de mércores a venres unha ampla axenda de reunións con profesionais dos diferentes ámbitos do sector turístico para continuar coa tarefa de promoción da cidade como un destino de calidade.