Unha das principais características do noso país en verán é a multiplicación e variedade de festas populares que permiten trazar todas e cantas rutas sexan capaces de resistir o corpo máis o peto. Aquí vai unha pequena ruta para as namoradas da costa.
Arrancamos na mariña lucense, en Viveiro, onde as festas populares máis sonadas son a de San Roque e a Nosa Señora que cadran os días 14 e 16 de agosto. Durante estes días, as rúas da vila énchense de música pero tamén de feiras, exposicións e visitas guiadas.
Baixamos ata Narón onde se celebrará o Oenach Atlántico do 26 ao 28 de xullo. Esta festividade nace na parcela da feira do Trece, con centos de anos de antiguidade,que durante o auxe das feiras da segunda metade do século XX chegou a congregar a máis de 23 mil persoas. Esta festa inclúe dende actividades como o prendido do lume á recreación dunha aldea castrexa, xunto unha feira de artesanía e de produtos do campo.
Continuamos pola costa, e recollendo a diversidade das festas galegas, ata parar en Rianxo. As festas de Guadalupe, que se celebran do 13 ao 20 de setembro, resultan imprescindibles. Dende o RockInRian, que sempre trae un bo cartel á vila, ao Feirón Mariñeiro: todo fai desta festa un broche ideal das festas do verán en Galicia.
E para as que son máis das Rías Baixas, vai unha ruta alternativa que pasa pola Festa da Auga en Vilagarcía de Arousa que neste 2019 promete unha volta ás orixes. Como sempre, celébrase o 15 e 16 de agosto, cando toda a veciñanza se empapa de auga.
Collemos ata a Pobra do Caramiñal que celebra as festas do Carme do 17 ao 20 de agosto. Trátanse dunhas festas ben populares ao igual que as que celebra Cangas, co Cristo do Consolo, do 25 de agosto ao 1 de setembro. Toda unha chea de festas e celebracións ben diversas para gozar da música, da xente e do país.