A colaboración de dúas concellarías, a de Participación e Rexeneración democrática e a de Cultura, deporte e coñecemento, vén de poñer en marcha o espazo de participación denominado Tribuna Pública, situado na explanada entre a antiga Fábrica de Tabacos e A Casa do Mar da Coruña. Un dispositivo de activación social e cultural ligado directamente co proxecto Tecendo Litoral: un concurso de ideas impulsado polo goberno municipal que pretende reflexionar sobre os usos dos peiraos e o bordo litoral da cidade.
Con esta instalación, que se manterá ata xuño, o goberno local pretende que Tribuna Pública sexa un espazo de confluencia no que partillar ideas entre organizacións de barrio e entidades locais, asociacións ecoloxistas ou de reivindicación de memoria da cidade.