Tregua de Anova ante a crise de En Marea: “Agora toca centrarse na Primavera Municipalista”

A formación deixará para despois das eleccións de maio as “decisións” que teñan que tomar en relación a En Marea “para non interferir”

Anova explicou en rolda de prensa hoxe en Compostela as conclusións da súa última Coordinadora Nacional (CN) celebrada esta pasada fin de semana. Na comparecencia diante dos medios de comunicación participaron Iria Otero, Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras.

Abriu as intervencións Iria Otero para sinalar que na reunión da CN marcouse “a folla de ruta para as eleccións municipais” co aposta “pola unidade popular real, co obxectivo de manter os gobernos do cambio e ampliar candidaturas”.

Anova redobra a aposta pola “unidade popular real” co obxectivo de manter os gobernos do cambio e ampliar as candidaturas

Polo seu lado Antón Sánchez afirmou que estamos “nun contexto de emerxencia do tripartito de extrema dereita compexo” polo que dixo que Anova ten que centrarse “na aposta polo municipalismo e a unidade popular” que considera “fórmulas políticas de unidade na diversidade que foron un éxito e son a esperanza deste país”.

Pechou as intervencións Xosé Manuel Beiras quen logo de asegurar que “toda a brunete mediática está empeñada en que gañe o fascismo e asoballen aos cidadáns” sentenciou que “Anova a partir de hoxe non falará sobre o acontecido en En Marea” para centrase “no importante: nas mareas municipais e na loita común contra a mala besta monstruosa do fascismo”.

Eleccións Europeas

De cara ás eleccións europeas estableceremos conversas coa idea de artellar unha alternativa en clave de esquerda rupturista con aliados do Estado e as esquerdas soberanistas. As eleccións europeas poden ser unha oportunidade para facerlle fronte ás políticas do 135 e do 155 e para fixar as consecuencias negativas que teñen en Galicia a persistencia das políticas neoliberais da Unión Europea.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego