O Consorcio de Santiago colabora co IES Arcebispo Xelmírez I na restauración dos fondos bibliográficos da biblioteca antiga do centro, dun importante valor histórico. O organismo aporta a esta actuación 22.000 euros. O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega; o director do instituto, Manuel Portas; a conservadora e restauradora de obras de arte experta en documento gráfico Barca Cereijo; e a xerente do Consorcio, Belén Hernández, presentaron os avances do proxecto.
O IES Xelmírez I posúe un notable patrimonio bibliográfico, unha parte del herdado do antigo Instituto de Segundo Ensino de Santiago, creado en 1845, época na que o centro compartı́a aulas, profesorado, biblioteca e laboratorios coa Universidade. O libro máis antigo, escrito en latín, é a Geographia de Strabón, publicada en 1523 en Basilea. Por este centro pasaron figuras históricas como Valle Inclán, Murguía e Castelao.