O recentemente escollido novo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, explica nunha entrevista concedida a Nós Televisión como están a ser estes primeiros días de goberno na institución provincial. O tamén alcalde de Monforte de Lemos amosa a súa satisfacción na xestión conxunta cos nacionalistas lucenses. Non opina o mesmo da oposición. Para o socialista o inicio da lexislatura na institución provincial non sentou nada ben ao PP ao que acusa de “inventar” problemas onde non hai.

 

Tomé explicou a aposta pola desaparición da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, denominada SUPLUSA que terá un primeiro capítulo no vindeiro Pleno desta semana. O presidente da Deputación sinalou a Nós Televisión que presentará á Xunta a proposta de que se faga cargo das súas responsabilidades coas residencias e centros de día agora a cargo da institución provincial.

O presidente da Deputación de Lugo definiu como “estable” a situación actual do PSOE en Lugo logo dos problemas que tivo, sobre todo na propia institución provincial en anteriores mandatos. José Tomé cre de xeito firme nas posibilidades de Gonzalo Caballero para gañar unhas eleccións a Alberto Núñez Feijóo. Nese camiño pensa que é crucial a achega do socialismo lucense.

 

 

- Publicidade -