Home Espazo Aberto Cultura Terror e humor galego no Festival de Cinema Fantástico da Coruña

Terror e humor galego no Festival de Cinema Fantástico da Coruña

0
Terror e humor galego no Festival de Cinema Fantástico da Coruña
Imaxe: FKM

O domingo 20 de outubro clausúrase o Festival de Cinema Fantástico da Coruña. Para pechar a semana, proxectaranse películas fantásticas do cinema galego e xaponés, estas últimas infantís. Ademais, ata o 27 de outubro, poderase visitar a exposición de Xurxo Penalta, un dos ilustradores galegos máis importantes a nivel internacional. O día 31 será o día adicado á caracterización, cun obradoiro de FX e unha andaina zombi pola Coruña.

Durante a semana anterior á clausura tivo lugar unha ‘mesa cadrada’ sobre utopías e distopías no cinema ou unha video regueifa. Tamén, e parte central do festival, foron proxectadas as curtametraxes e longametraxes do concurso internacional, cuxos premios se entregarán o domingo 20.

Dos filmes en galego, Terror na Batea (a cuarta serie das Rural Horror Storis); As Lavandeiras de Vou Films ou Neno Bonito.

Unha das iniciativas máis orixinais é o concurso Fetus para “curtametraxes non profesionais feitos en Galicia e nos que se esixe o uso do galego como idioma orixinal”. O certame busca, desde o humor, fomentar os xéneros de terror, fantástico e ciencia ficción en Galicia e en galego. Destacar tamén as categorías dalgúns dos premios: ‘a morte máis lograda’, que gañou a curta Cafeína ou a ‘mellor escena de sexo intenso’, para Peixes Voadores.

Desde a organización, sinalan que o Festival FKM “enche un oco dentro do audiovisual que é demandado pola cidadanía”, ofrecendo” unha coidada selección de longametraxes e curtametraxes de amplo percorrido polos mellores festivais tanto nacionais como internacionais.”