Hoxe tivo lugar a Comisión 6ª de Enerxía, no que o Director Xeral Ángel Tahoces tivo que contestar a preguntas relativas á actividade da central da Térmica das Pontes ou á situación de Vulcano e Ferroatlántica. A primeira pregunta foi do Bloque Nacionalista Galego, a propósito “das actuacións da Xunta de Galicia e as demandas realizadas ao Goberno central con respecto á diminución da actividade da central térmica das Pontes e as súas repercusións no sector auxiliar.”
Montse Prado (BNG) acusou á Xunta e ao goberno español de estar inmersos nunha loita allea aos intereses da comarca.
Sobre a petición de xuntanza coa empresa, Tahoces responsabilizou ao goberno estatal, ao alegar que xa remitiu unha carta ao Ministerio de Transición Enerxética e non obter resposta. Montse Prado considerou que non é suficiente e esixiu máis compromiso ante unha empresa -Endesa- que “deixa tirados” aos traballadores logo de enriquecerse durante 40 anos. Para a nacionalista non é suficiente e esixe ao goberno galego, alternativas para unha transición enerxética “máis alá de prorrogar a vida dos combustibles fósiles.”
Ademais, Tahoces acordouse de Valentín González Formoso, Presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, que leva semanas mobilizándose cos afectados. Os socialistas esixían esta semana “unha solución urxente”” e “unha transición xusta e en defensa do emprego nas Pontes e comarcas”. Tahoces citouno con retranca e dixo que non estamos ante unha “transición enerxética”, senon unha “imposición enerxética”.
No que todas as partes parecen estar dacordo, sobre o papel, é na necesidade dunha xuntanza con Endesa. Prado pediu máis compromiso a Tahoces, que responsabilizou ao goberno, mentres días atrás, Valentín Formoso pedía responsabilidade a todas as partes: “Goberno, empresa e sindicatos teñen que xuntarse de forma urxente, o goberno ten que ser receptivo e comprobar se as probas que está a facer Endesa para substituir o carbón por outros biocombustibles en As Pontes poden ser viables.”