O vindeiro martes 13 de marzo, o Festival Internacional ‘Atlántica’ chega a Compostela, onde ficará até o domingo 18. Trátase da sexta edición do popular certame de narración oral, que tenta reunir voces de ámbalas dúas beiras do océano co obxectivo de construír un “imaxinario transoceánico” que bebe “da tradición oral das diferentes culturas”.
Contadores e contadoras de Galicia, Brasil, Madeira, Camerún, Tenerife, Valencia…
Nesta ocasión, participarán contadores e contadoras procedentes de Brasil, Camerún, Portugal, Galicia e o resto do Estado español. A popular frase “cruzar o charco” na súa máxima expresión.
“Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, nace en 2013 con sede en Santiago de Compostela e cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. O principal obxectivo do festival é indagar nas raíces comúns das historias do Océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar”
Pódese consultar o programa de actividades completo no portal web www.festivalatlantica.com. Ao mesmo tempo, desenvolveranse outros espectáculos vencellados ao programa nos concellos de Teo, Ferrol, Vigo, Pazos de Borbén e Lalín. Será na localidade dezá onde remate a travesía deste peculiar submarino que tenta achegar a tradición da narrativa oral ás xentes de todo o país.